Thursday 16 de May de 2024

O Concello de Noia pon en marcha a campaña “Noia florece” para revitalizar o comercio local


O alcalde salienta que se trata dunha iniciativa que “non só ten unha vertente comercial e decorativa, senón tamén social, coa colaboración da Misela, e medioambiental, ao fomentar o uso de material reciclado”
O Concello de Noia, en colaboración con Noia Histórica e a asociación A Misela, vén de poñer en marcha a campaña “Noia florece” para “revitalizar e recuperar o dinamismo do comercio local”, segundo explicou esta mañá o alcalde, Santiago Freire Abeijón. “Esperamos que sexa un reclamo importante para a localidade e convide a que xente da contorna visite a vila e desfrute do noso comercio e da nosa hostalaría”, sinala o alcalde noiés.
Os elementos máis chamativos da campaña son os distintos maceteiros dispostos polas rúas de Noia e que se pretende que non sexan só elementos temporais, senón permanentes no tempo. Así, instaláronse distintas macetas con flores de temporada nas entradas dos distintos locais comerciais, así como grandes maceteiros de varios metros de altura en puntos clave do casco histórico como a Porta da Vila, a praza da Constitución, o Curro ou a praza do Tapal.
“Uns elementos decorativos que foron completados con flores de temporada, achegadas por empresas e viveiros locais” e que se fixeron “en colaboración con Noia Histórica e baixo a supervisión técnica dunha enxeñeira paisaxística”, puntualizou Freire Abejón, quen engade que “ademais se renovarán con flores as xardineiras de San Bernardo e da Corredoira e colocaranse dez novas xardineiras de pedra”.
Coidar o material
Así mesmo, agradeceu a colaboración dos comerciantes na campaña pois “buscamos que practicamente apadriñen o coidado deses maceiteiros, pois mesmo gardan os máis pequenos, pero gustaríame facer un chamamento ao respecto do mobiliario urbano por parte da veciñanza. Na fin de semana pasada xa se produciron algúns actos incívicos e temos que ser conscientes da necesidade de respectar o mobiliario público”.
Ademais, puxo en valor o traballo realizado pola asociación A Misela, que se encargou dos elementos decorativos elaborados con plástico reciclado que figuran nas rúas do casco histórico. Así mesmo, recuperáronse os atrapasoños do ano pasado, que agora locen na praza da Fanequeira, e ao longo dos próximos días completarase a decoración con novos elementos como, por exemplo, uns xardíns colgantes.
O alcalde noiés salientou que “Noia florece” é unha iniciativa froito do traballo coordinado de varias concellarías municipais, agradecendo o traballo realizado polas súas titulares: Mariola López Cierto, concelleira de Comercio, Parques e Xardíns; Laura Salgado, concelleira de Economía e Xuventude; e Beatriz Rosende, concelleira de Eventos.